Thursday 09 de May de 2024

O Concello de Ortigueira acollerá o 19 de novembro a segunda edición da proba deportiva ‘Nada e corre’


• O evento contará con cinco categorías para persoas nadas entre o 2008 e o 2017 con licenza vixente da Federación Galega de Tríatlon

O Concello de Ortigueira e o Club Natación Cedeira Mobles García organizan a segunda edición da proba deportiva ‘Nada e Corre’.
O evento terá lugar o próximo 19 de novembro e está dirixido a deportistas con licenza vixente FEGATRI (Federación Galega de Tríatlon) de categorías prebenjamín, benjamín, alevín, infantil e cadete. As probas comezarán a partir das 10:00 horas na piscina municipal, onde tamén se realizará a transición e meta.

As inscricións son completamente gratuítas e poden formalizarse ata este luns, 13 de novembro, ás 23:59 horas, de forma telemática a través da páxina web www.fegatri.org.

A primeira proba será a de natación. Os participantes da categoría prebenjamín (2016-2017) comezarán ás 10:00 horas. Ás 10:10 horas sairán os benjamines (2014-2015), ás 10:25 os alevíns (2012-2013), ás 10:50 os infantís (2010-2011) e, por último, ás 11:25 os cadetes (2008-2009).
A continuación, terá lugar a carreira a pé, que comezará ás 12:00 horas cos participantes da categoría prebenjamín. Ás 12:10 horas sairán os benjamines, ás 12:20 os alevíns, ás 12:30 os infantís e, finalmente, pecharán a competición os cadetes ás 12:40 horas.

Os horarios establecidos poderán sufrir modificacións en función do número de inscricións da proba, que está baseada na normativa e regulamento da Federación Galega de Tríatlon e a Federación Española de Tríatlon.

A proba é clasificatoria para a final galega.